O Concello visita as instalacións do Centro de día de cara á apertura

O alcalde da Estrada, José López Campos e a concelleira de Asuntos Sociais, Amalia Goldar, visitaron hoxe as instalacións do Centro de día para constatar o avance das obras, cuxo remate se prevé para a vindeira semana.

 

O rexedor local indicou que xa se está finalizando cun proxecto que se iniciou en 2012, o proxecto do Novo Mercado, concibido como un “gran contedor de iniciativas comerciais e sociais” que foron arrancando pouco a pouco, como o viveiro de empresas, que actualmente está funcionando practicamente a plena capacidade; a ludoteca do Espazo Concilia A Estrada, que tamén comezou este ano a súa actividade e o centro para persoas con alzhéimer, que levaba a cabo un papel asistencial e social. Unha iniciativa que comezou hai tres anos e que está xogando un gran papel de axuda aos afectados por esa doenza e aos familiares destes.

 

Pero faltaba unha parte importante, matizou, que era o Centro de día. “Sen descoidar que a Estrada poda aspirar a ter un espazo propio, máis amplo e ambicioso destinado ao coidado de persoas dependentes, coa infraestrutura do Novo Mercado damos cobertura e solución a un problema que persiste na Estrada dende hai anos; que as familias conten cun espazo de referencia onde poder deixar aos seus maiores”.

 

López asegurou que, o sábado pasado, na marcha solidaria co alzhéimer, puido ver ata que punto é necesario un espazo seguro para as persoas con esa doenza, cuxa evolución aconsella que durante os primeiros estadios a xente pode estar no centro de alzhéimer, pero a medida que avanza a doenza “non contabamos” coa capacidade para poder atender a esas persoas. Este centro ven a cubrir esa demanda xunto coa de contar cun espazo homologado pola Xunta para que as familias que se atopan dentro do Plan Individualizado de Atención (PIA) teñan como recurso idóneo ao Centro de día onde podan deixar aos seus maiores e ademais contar co cheque asistencial, co que a Xunta asumirá o custo da atención nas instalacións.

 

As obras “previsiblemente” se finalizarán ao longo da vindeira semana e existe o compromiso da empresa encargada de que o ascensor, específico para o primeiro andar, se instalará en outubro, para cumprir así con todas as medidas de seguridade.

 

Xa contan co mobiliario, o material de farmacia e coa homologación da Xunta, polo que están á espera de poder inaugurar o centro de día a partir de outubro; unha das grandes materias en política social que aínda se atopa pendente. Coas 20 prazas a xornada completa e 40 a xornada partida que ofrece o lugar espérase cubrir as necesidades que poda requirir a localidade na actualidade en materia de servizos sociais.

 

Coa apertura do centro poderemos analizar cal é a resposta da veciñanza a este proxecto e cal é a demanda real deste servizo para o que non se descarta unha ampliación nun futuro se a poboación así o require. As necesidades que sabemos que temos estarían cubertas coas prazas que ofertamos con esta apertura, finalizou López.

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1