O PIE da Estrada rexistra boas cifras de inserción laboral

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, José Alfonso Marnotes González, visitou onte A Estrada para por en valor o PIE (Programa Integral de emprego) porque “está funcionando ben”; conta cunha inserción laboral elevada que indica que os recursos se están xestionando de maneira eficiente.

 

Marnotes fixo fincapé na necesidade de apostar polo talento e de por en contacto ás persoas á procura de traballo coas empresas que o demandan, de forma que se lles poidan subministrar ás empresas eses recursos humanos que solicitan. Tamén quixo deixar claro a importancia que ten a día de hoxe non deixar de formarse e aprender a cada paso e subliñou a importancia da ensinanza a distancia, insistindo en que os cursos online tamén ofrecen capacitacións homologadas que resultan interesantes para as empresas.

 

Seguindo na liña do talento, asegurou que o obxectivo do programa non é outro que capacitar ás persoas participantes das destrezas precisas para a vida laboral e que sentar xuntas a persoas e empresas é o camiño a andar para crear un futuro.

 

Neste punto coincidiu o representante da Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE), Alfonso Uzal, que salientou que para o colectivo é unha honra colaborar coa intermediación laboral entre o PIE e as case 400 empresas asociadas coas que contan, coa finalidade de por en contacto ás partes.

 

O director xeral volveu a tomar a palabra para sinalar que ademais deste contacto a chave para permanecer no mercado laboral é a formación, que ten que ser a axeitada e requirida polas empresas, polo que lembrou que dende o ano pasado se puxo en marcha o Programa de Unidades Formativas; un programa que tamén habería posibilidade de implantar no concello no futuro no cal son as empresas as que imparten formación “á carta” aos participantes e os forman para desenrolar as funcións que levarían a cabo dentro da propia empresa. Este programa xa conta con máis de 50 unidades formativas en Galicia, no que a Xunta asume a totalidade do custo da formación, pero polo que as empresas se comprometen a asegurar unha inserción mínima do 40 por cento dos aspirantes.

 

Pola súa parte, o alcalde da Estrada, José López Campos, lembrou que este é o terceiro Programa Integral de Emprego no que participa o Concello e que se apostou por el nun momento no que non foi doado facelo, xa que o programa supón un custo de 200.000 euros que o Concello tería que abonar á Xunta se non se cumprise a cota de inserción. Non obstante, explicou que o programa resultou un éxito e que nalgunha edición case se duplicou esa cota de inserción, polo que sinalou que se pode deducir que os técnicos do Concello están facendo as cousas ben.

 

Ademais afirmou que xa se solicitou o cuarto PIE para cumprir o obxectivo de que calquera persoa que queira acceder ao mercado laboral poda facelo e indicou que o Concello ofrecerá proximamente novas alternativas e posibilidades complementarias a esta como son o obradoiro de emprego e os dous cursos AFD que están por comezar.

 

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1