O alcalde da Estrada aclara os termos da apertura da Edusi á participación social

O proceso de participación pública contemplado nas bases dos fondos europeos da Edusi estaba referido ao momento da elaboración da estratexia. De facto, o feito de tela incluído contribuíu a que o proxecto do Concello da Estrada fose un dos máis valorados dos oitenta e tres que se aprobaron na comisión mixta Europa-Ministerio, aclarou esta mañá o alcalde, José López Campos.

 

Unha das condicións esixidas de cara ao proxecto ditaba que non se financiaban proxectos concretos, senón estratexias, e que esas debían de ser estratexias participativas, dentro dos obxectivos temáticos marcados pola Unión Europea.

 

Este punto, referente ás estratexias participativas, quedou acreditado por parte do Concello mediante a páxina de consultas que se abriu a ese efecto e coa organización de reunións e talleres que se levaron a cabo no Novo Mercado con diferentes asociacións da localidade, de onde se recolleu a información da que xurdiu a estratexia, e á súa vez, destes procesos de consulta xurdiron proxectos concretos que tiñan que estar aliñados con ela.

 

Polo tanto, unha vez que está en marcha, non é certo que o Concello teña que dar participación pública neste momento para os proxectos derivados da estratexia, explicou López. O que temos que facer agora é conseguir que os proxectos que saian da estratexia estean aliñados coa mesma e cumpran cos indicadores que cuantificarán as medicións das melloras implantadas.

 

Estes indicadores medirán, por exemplo o incremento no número de visitas turísticas, a redución da pegada de carbono na localidade ou a redución do consumo eléctrico, entre outros. A partir de agora hai que acreditar que os datos avalan con cifras as melloras na calidade de vida dos veciños que se perseguen con cada unha das actuacións que se están levando a cabo mediante os fondos Edusi, indicou o rexedor local.

 

“Non estamos obrigados a incluír nin recibir opinión de ninguén”, afirmou, e aclarou que “iso é vontade deste goberno”. É preciso incluír a colectivos e non pensar só a curto prazo, aínda que hai que facelo para construír estratexias de futuro. “En política non hai longo prazo se non actúas sobre o curto”, matizou.

 

Debido a isto, de cara a Edusi optouse por actuacións con posibilidades de desenvolvemento inmediata, como as de cambio de luminarias e as reformas dos xardíns da Alameda e da Avenida de Fernando Conde, pero sen deixar de lado a parte referida ao medio e longo prazo, onde se contempla como a Edusi pode transformar ou crear as bases dun cambio na mentalidade e no futuro de cara ás persoas. Para intentar acertar nesa estratexia e que sexa duradeira é para o que o Concello quere incluír diversos colectivos que aporten diferentes puntos de vista da realidade social na que viven en representación da sociedade.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1