Covsa convértese na adxudicataria provisional para remodelar a Avenida de Fernando Conde

Trala renuncia a presentar a xustificación da oferta en baixa temeraria dunha das empresas presentadas ao proceso de selección, Covsa converteuse na na adxudicataria provisional para a remodelación da Avenida de Fernando Conde na Estrada, segundo informou hoxe o alcalde da localidade, José López Campos.

 

Esta intervención, unha das máis potentes de entre as postas en marcha polo concello, enmárcase na actuación “A Estrada Social Sostible 2020 (AESS2020) Proxecto cofinanciado nun 80 por cento mediante o Programa Operativo FEDER de crecemento sustentable 2014-2020”.

 

Aínda que non hai mellora nos prazos, a empresa realizou a oferta máis vantaxosa para o proxecto, mellorando os aspectos técnicos e económicos dos seus competidores e ofrecendo un presuposto de 556.000 euros para acometer o proxecto.

 

Neste intre, a partir da proposta de adxudicación, ábrese un período de dez días para que a empresa presente a documentación pertinente e se proceda á adxudicación definitiva do proxecto, para que as obras poidan comezar despois das festas do Pilar, segundo anticipa o alcalde.

 

A vindeira semana o concello ten intención de reunirse, tanto cos representantes de Covsa, como cos de Copcisa, empresa adxudicataria da obra de remodelación dos xardíns da Alameda, e tratar de xeito pormenorizado a estratexia a seguir para cada actuación. No caso da Avenida de Fernando Conde haberá que falar sobre o plan de execución, os prazos cos que traballarán para cada unha das partes do proxecto, e como se plantexará para seguir mantendo a accesibilidade e os servizos para as vivendas, así como as prazas de aparcamento e a xestión do tráfico.

 

Con respecto a Copcisa, a intención é a mesma, quedar cos representantes a vindeira semana, despois de que teña lugar a comisión informativa á que se teñen que someter todas as obras que, como esta, superen o dez por cento do presuposto do Concello, e que se celebrará este xoves 4 de agosto. Na reunión coa empresa planificarase o inicio da obra proposta na memoria construtiva e analizarase o prantexamento da mesma con vistas a fixar o calendario de actuacións, segundo informou o rexedor local.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1