Xa á venda as entradas para o XI festival folk Lume na lareira

Xa se poden adquirir as entradas para o XI festival folk Lume na lareira, que se celebrará o vindeiro día 18 de novembro a partir das 18:00 horas no Teatro Principal da Estrada. Os puntos de venda de entradas son o departamento de Cultura do Concello, o Mesón da Estrada e a cafetería Invictus (antigo Mimela), segundo informou hoxe a concelleira de Educación, Amalia Goldar.

 

De igual maneira, a concelleira trasladou o apoio e respaldo, tanto pola parte do Concello como pola do público, co que contan este tipo de eventos culturais e advertiu aos veciños interesados para que se apresuren á hora de adquirir as súas localidades xa que, como aconteceu en pasadas edicións, as entradas esgótanse axiña.

 

Acto seguido, cedeulle a palabra ao organizador do evento, Juan Ruibal, quen se encargou de lembrar que as entradas conservan o mesmo prezo que en edicións anteriores (5 euros) e de presentar aos interpretes que darán vida ao festival, ademais de advertir que hai un erro nos carteis, onde figura que se poderán adquirir pases no café Alameda, aínda que o lugar correcto é a antes referida cafetería Invictus.

 

Sobre o espectáculo afirmou que se poden atopar novidades en practicamente todo o cartel, dado que o obxectivo do festival é que ningunha actuación se pareza á anterior. Así, esta edición comezará coa presentación do evento por parte do showman Julio González; seguirao o monólogo cómico do Padre Xiao, coa súa particular bendición do festival e tras el actuará un cuarteto de gaiteiros chegado do Congo Belga, The golden quartet. A grandiosidade deste festival ven de combinar diversas culturas, sinalou Ruibal.

 

Ademais contarase coa presenza dun grupo de alumnos da Escola de Poio formado por 22 acordeonistas; cun dos grupos máis antigos de Galicia, Os alegres, que levan 76 anos enriba dos escenarios e con Texequetéldere como grupo local.

 

Outra novidade é a incorporación por primeira vez do cantautor solista Manolo Pintos, que emprega só unha guitarra ademais da súa voz para interpretar boleros e habaneras. Completan o cartel o grupo Entre foles, cunha sección máis profesional de acordeóns; Os gaiteiros da Pereiriña; o As da concertina, Ricardo Ferreira, un virtuoso con varios instrumentos e a agrupación Lume na lareira, que se encargará ce pechar o espectáculo cun repertorio tradicional e unha peza “súper” popular, salientou o organizador.

 

Para finalizar, agradeceu ao público a confianza que lles brinda tódalas edicións e que lles permitiu encher o teatro durante dez anos seguidos, un logro grandioso que conseguen moi poucos eventos, concluíu.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1