Sucédense as propostas nas mesas de participación da Edusi

Dende as 9:30 horas da mañá e ata as 20:00 horas tarde de onte, 5 de novembro, desenvólvense no MOME da Estrada as mesas de participación pública dentro do marco da estratexia Edusi, nas que se suceden as propostas achegadas por diversas asociacións e veciños da localidade.

 

aess2A Edusi (Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado) enmarcase dentro de “A Estrada Social Sostible 2020 (AESS2020) Proxecto cofinanciado nun 80 por cento mediante o Programa Operativo FEDER de crecemento sustentable 2014-2020”.

 

Coa presentación da primeira das mesas, o alcalde da Estrada, José López Campos, apuntou que o concello foi elixido como exemplo de boas prácticas en torno á estratexia, polo que unha representante local acudirá a unha reunión en Madrid o vindeiro 8 de novembro, onde lles explicará aos demais participantes a maneira na que se está a desenvolver o plan Edusi na Estrada.

 

Deste xeito e despois dunha breve presentación, deu comezo a mesa de participación para a atención a colectivos desfavorecidos e a igualdade de oportunidades, a máis numerosa de cantas estaban previstas e na que se propuxeron iniciativas como a creación espazos de asesoramento, amparo e asistencia a inmigrantes, plans de mobilidade orientados ao rural, estratexias de amparo para mulleres en situación de vulnerabilidade, preparar aos integrantes de colectivos desfavorecidos en competencias clave a través de cursos orientados á inserción laboral, entre outras.

 

Tamén se propuxeron a creación dun estudio orientado ás persoas maiores de 65 anos, que permita saber cales son as necesidades e demandas deste colectivo, ou a posta en marcha de medidas que fagan fronte aos problemas dos máis novos, como problemas de convivencia, ciberacoso ou adiccións.

 

aess1Debateuse sobre a necesidade de que os maiores teñan unha interacción coa xuventude, de crear un protocolo de actuación no caso das agresións sexuais, de educar en canto a identidade LGTBI e diversidade sexual, da necesidade de crear unha casa para a xuventude e outros moitos temas. Non obstante, ante a disparidade e a cantidade de ideas aportadas, a concelleira de Asuntos Sociais, Amalia Goldar, lembrou que esta estratexia trata de beneficiar ao maior número de persoas posible, polo que os proxectos dirixidos a un colectivo moi específico non teñen tanta cabida.

 

Goldar explicou os proxectos teñen que ser realistas, os cales se podan manter; xa que os proxectos vinculados á Edusi teñen que ter unha garantía de funcionamento de 5 anos despois da súa posta en marcha e para finalizar apuntou que as propostas que inclúen exercicio físico ou actividades son factibles e realizan unha labor social paralela ao congregar xente nun mesmo espazo no que interactuar.

 

Na segunda mesa, para a revitalización socioeconómica do rural, proliferaron as ideas en torno a cursos e formación, que tamén tiveron protagonismo na primeira das mesas, pero que desta volta se fixo recorrente. Propúxose a creación de cursos de formación orientados á organización e capacitación no rural, para crear peóns profesionais en materia do agro, de transformación de materias primas en produtos elaborados ou como mero punto de encontro para os habitantes das parroquias.

 

Denunciouse a falta de autoxestión e de estrutura entre os máis novos e púxose a mira no problema da dispersión da poboación e na necesidade de formar unha rede de dinamizadores sociais coa que xuntar a eses xóvenes.

 

A derradeira proposta desta mesa expuña a idea de construír unha planta de procesado común, a modo de cooperativa, na que os pequenos produtores puidesen elaborar os seus produtos baixo unha mesma marca, suxeitos aos mesmos estándares de calidade como un proxecto que perviva no tempo.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1