As obras da Alameda comezarán a partir do luns

As obras da Alameda comezarán a partir do luns, tal como acordou o alcalde da Estrada, José López Campos, cos representantes da empresa Copcisa, adxudicataria da obra, trala reunión mantida onte, na que se precisou, ademais da data de comezo, a planificación da mesma e acordaron a presentación dun plan de seguridade e saúde este venres.

 

Comezarán o luns por instalar as casetas de obra e analizar as fases da actuación, xa que se tratará de compatibilizar o maior número de usos posibles da actual infraestrutura de cara ao Nadal, que será a acción máis dificultosa de levar a cabo, segundo afirmou López, que explicou que o máis sinxelo sería proceder ao valado perimetral de toda a praza para deixarlles liberdade de traballo aos operarios, pero que é un suposto que non se poden permitir dende o Concello tendo en conta a proximidade das festas e os días festivos que as acompañan.

 

Outra dificultade é que, pola disposición do terreo, a intervención ten que comezar dende a Praza do Concello cara atrás, cara a rúa Castelao, respectando a rasante natural da pendente, para conseguir un espazo amplo e diáfano, sen necesidade de incluír escaleiras. O movemento de terras ten que ser acorde á disposición do terreo. Sen embargo, vaise a evitar tocar a praza e parte da zona de xogos ata entrado xaneiro, aclarou.

 

É incompatible executar obras e dispor de todo o espazo, polo que gran parte da zona de xogos quedará incluída dentro do valado que se instalará o luns, quedando fóra del soamente a área destinada aos máis pequenos. A obra comezará coa demolición e movemento de terras, pero pouco a pouco irá ganando terreo. Non se irán liberando zonas sobre as que se vaia traballando, senón que a obra se estenderá progresivamente ata abarcar toda a superficie, debido a que o último paso, que é o pavimentado, se acometerá ao final da actuación.

 

A obra contará con 6 meses de prazo de execución que empezarán a contar a partir do inicio da mesma; un tempo no que o prioritario é a seguridade e a propia execución da obra, xa que canto máis se obstaculice complementando o uso do espazo, máis se dilatará o período de traballo.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1