A campaña solidaria Xoguetes por un sorriso alcanza máis de 500 artigos

A campaña solidaria Xoguetes por sorrisos, desenvolta nos colexios da Estrada, logrou recoller máis de 500 artigos que os nenos dos distintos centros doaron a rapaces que doutro xeito non poderían recibir regalos de Nadal, segundo informou hoxe o concelleiro de Cultura, Juan Constenla no Teatro Principal.

 

campaña xoguetesEsta campaña, posta en marcha dende o Concello e na que participaron os colexios do Foxo, Figueroa, Oca, Cabada Vázquez, Pérez Viondi, N. S. Lourdes, a Escola Infantil Municipal e a Galiña Azul, xurdiu a propósito do musical Naviland, que celebrará a súa función o vindeiro domingo, 2 de decembro, no Teatro Principal, e cuxa organización propuxo realizar unha campaña solidaria dirixida aos cativos necesitados da contorna.

 

Inmediatamente, dende o Concello se estableceu contacto con Cáritas e cos centros de estudo da localidade para sensibilizar ao alumnado de cara a compartir os seus xoguetes con estes rapaces menos afortunados e que hoxe se doan a Cáritas para a súa distribución.

 

En nome da ONG, José Manuel Vázquez, agradeceu o xesto ao Concello e centros escolares que se implicaron coa campaña, e aclarou que de contado, a partir de comezos de decembro, comezarán a repartir os xoguetes doados entre as arredor de 130 familias coas que traballan, para que ningún neno se quede sen regalos este Nadal e podan desfrutar deles canto antes.

 

Pola súa parte, a directora do colexio do Foxo, Rosa Ferreira, sinalou que experiencias como esta tamén forman parte do proceso de educación dos rapaces máis novos. Nenos que doan xoguetes para outros que non poden telos. Facer aos cativos conscientes de esa realidade é educar en valores e boa proba de que a mensaxe e os valores calan neles é a cantidade de xoguetes recollidos, finalizou.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1