O Concello da Estrada presenta as actividades culturais de Nadal

O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presentou hoxe a programación das actividades culturais que se levarán a cabo na Estrada durante o Nadal. Unhas actividades que se enfocarán sobre todo cara o público familiar e infantil co obxectivo de que a veciñanza despida o ano entre sorrisos, sinalou o concelleiro.

 

Abrirá a programación de Nadal no casco urbano o espectáculo humorístico do cómico Pepe Viyuela, que se representará mañá ás 21:00 horas no Teatro Principal, mentres que na parroquia de Berres farao o Festival de Nadal de corais, que comezará a súa actuación na igrexa ás 19:00 horas.

 

O 21 de decembro comezarán as actividades de animación nas rúas, que se prolongarán ata o 5 de xaneiro, día da cabalgata de reis. Ao día seguinte, o 22 de decembro ás 18:00 horas, o público poderá asistir ao espectáculo de maxia protagonizado por Dani García na Praza do Mercado e o 23 de decembro celebrarase o encontro dos coros parroquiais, no que participarán as corais de Paradela, Arca, San Miguel de Castro, Moreira, Aguións, Santa Cristina de Vea, San Xurxo de Vea, Curantes, Tabeirós, San Pedro de Ancorados, Arnois e San Paio, que se celebrará na igrexa parroquial da Estrada a partir das 17:30 horas.

 

O día de noiteboa ás 18:30 horas celebrarase a cabalgata e a posterior recepción de Papá Noel na residencia da terceira idade. Os cativos interesados en formar parte da carroza deberán apuntarse previamente na residencia ata encher as prazas da carroza por orde de inscrición. O mesmo método se empregará de cara á cabalgata de reis do día 5 de xaneiro.

 

 O 26 ás 12:00 horas representarase no Teatro Principal Retrete Cabarete, un espectáculo infantil limitado a un aforo de 100 asistentes e dirixido a nenos de máis de dous anos no que títeres feitos con globos farán as delicias dos máis pequenos.

 

O Teleclube da comedia interpretará a súa gala de Nadal o día 27 a partir das 21:00 horas no Teatro Principal. As entradas para a actuación poderán mercarse no Departamento de Cultura do Concello ou no Café-Bar Boliche a un prezo de 5 euros.

 

Os días 28 e 29 de decembro, o actor de teatro Tian Gumbau porá en escena dúas das súas obras dirixidas ao público infantil no Teatro Principal. O primeiro día o fará con Piedra a Piedra e o segundo representará Screen man. Ambos días haberá dous pases para cada función; un das 12:00 ás 12:35 e outro das 13:30 ás 14:05 horas.

 

Para rematar, o 5 de xaneiro ás 18:30 horas celebrarase a cabalgata de reis, que culminará coa recepción real diante da fachada do Concello ou no Teatro Principal, dependendo das condicións atmosféricas do día, segundo sinalou Constenla, quen para pechar o acto lembrou que todas as entradas pertencentes ao ciclo infantil, que se poderán adquirir no Departamento de Cultura do Concello, terán un prezo de 3 euros para as familias a modo de facilitar o acceso aos espectáculos a todos os estradenses, aos que lles desexou unhas felices festas.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1