Primeiros pasos do novo obradoiro da Estrada

Os novos obradoiros de xardinería e albanelería do Concello da Estrada comezaron esta semana os seus labores prácticos, segundo informou esta mañá o alcalde da localidade, José López Campos. Estase a traballar en propostas de xardinería susceptibles de seren abordadas polo grupo do obradoiro e que teñan un mantemento sinxelo a longo prazo, afirmou o rexedor local.

 

O grupo de xardinería estivo traballando esta semana na Avenida de Santiago e trasladarase a partir do luns á rúa da cultura e á carballeira da zona deportiva, mentres que o de albanelería estivo traballando na escola de San Pedro de Ancorados e a partir do luns estará na escola de Moreira, onde se require unha actuación importante que inclúe o cambio da cuberta interior e a reforma da casa escola.

 

Paralelamente comezarase a traballar nos deseños das rotondas por parte do persoal de xardinería, nun proxecto que ten que resultar executable polo persoal do obradoiro, pero tamén perdurable e sostible no tempo, no que o problema soe radicar no mantemento, observou López.

 

O obradoiro de xardinería concentrará gran parte da súa actividade en zonas como a nova escola infantil, as rotondas e a casa das letras, mentres que o de albanelería realizará os seus traballos nas escolas de San Pedro e Santo Tomás de Ancorados, San Miguel de Castro, San Miguel de Moreira, Curantes, Ribeira, Olives, Vinseiro, Lamas e Somoza. Ambos grupos levarán a cabo actuacións potentes que porán a proba os coñecementos adquiridos e os dotarán das competencias necesarias para solventar as situacións coas que se atopen no desenvolvemento das súas actividades.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1