Xa á venda as entradas para a Gala de Nadal do Teleclub da comedia

Xa se atopan á venda as entradas para a Gala de Nadal do Teleclub da comedia, que se celebrará o vindeiro xoves 27 de decembro ás 21:00 horas no Teatro Principal. Poderán adquirirse a un prezo de 5 euros no Departamento de Cultura do Concello, no Café-Bar Boliche e na billeteira do teatro momentos antes do comezo do espectáculo.

 

cartel teleclube da comediaA gala reunirá as actuacións dos artistas estradenses Chelo do Rejo, Manolo do Atlético, o mago Toño, Nono, Merjerita, Miguel Guido, o Padre Xiao e Pablo Chichas, que asumirá o papel de presentador do evento, segundo informou hoxe o concelleiro de Cultura, Juan Constenla. Ademais contará coa actuación musical do trío conformado por Carlos Barruso, Héctor Martínez e Manuel Brey, que amenizarán os espazos entre actuacións.

 

O concelleiro finalmente animou á veciñanza a arroupar esta “festa do humor con sabor estradense” e compartir o éxito deste circuíto de actuacións que usualmente se levan a cabo nas zonas rurais mediante as actuacións dos artistas nas diferentes parroquias.

 

teleclube da comedia1Chelo do Rejo engadiu a continuación que a posta en marcha da primeira gala o ano pasado supuxo un comezo fantástico tanto para o público, que a acolleu con agrado, como para os propios artistas, nunha función dinámica e con enerxía na que os monólogos curtos, de arredor de sete minutos, se suceden con fluidez, non dando tempo aos asistentes a cansarse dunha mesma intervención.

 

Pablo Chichas, pola súa parte, reivindicou o papel social do Teleclub, que cualificou como a “iniciativa cultural máis importante da Estrada”, xa que supón un medio que achega o teatro e a cultura á porta da casa da xente. Unha xente que nalgún caso apenas tivo oportunidade de presenciar obras teatrais e que a través deste medio se achegaron por primeira vez ao mundo das artes escénicas.

 

O artista rematou afirmando que esta gala é o vehículo para agradecerlle á xente da Estrada o esforzo e traballo que fai durante todo o ano e sinalou que todos os textos da gala son inéditos, de nova creación e non pasaron polo circuíto do Teleclub, co que animou á veciñanza a acudir ao espectáculo.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1