O Concello remitiu a documentación requirida pola Xunta para a apertura do Centro de día 

14 Febreiro 2019

O Concello da Estrada remitiu antonte á Xunta de Galicia a documentación coas correccións requiridas para a apertura do Centro de día. Se todo transcorre correctamente espérase recibir a autorización de inicio da actividade nun prazo de dez días, segundo informou onte o alcalde, José López Campos.

 

Unha vez solucionadas as incidencias referidas á colocación dos carteis que identificasen cada unha das estancias e á permuta no plano dunha das salas por outra que contaba cun maior espazo, remitiuse á Xunta a documentación cos cambios pertinentes, polo que actualmente o Concello está á espera da autorización para o inicio da actividade.

 

A partir da chegada desa autorización abrirase a inscrición para que, co regulamento xa preparado, as familias interesadas podan optar a unha praza e o Concello poda valorar e tramitar as solicitudes que vaian chegando.

 

A administración local ten xa todo preparado para a posta en funcionamento dun servizo tan esperado como o primeiro Centro de día da localidade, indicou López, e engadiu que a Asociación Agadea tamén está lista para o comezo da actividade, seguindo o modelo que emprega en outros dous centros similares que xestiona, en Ribeira e en Santiago.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1