A terceira proba da MTB Transgalaica discorrerá pola Estrada o 24 de marzo

11 Marzo 2019

A terceira das cinco probas que compoñen a maratón de ciclismo de montaña Transgalaica 2019 discorrerá por camiños e parroquias da Estrada o vindeiro 24 de marzo, segundo informou hoxe o concelleiro de Deportes, Ismael Pena na presentación do evento.

 

Esta competición comezou coas probas de Cerdedo-Cotobade, onde reuniu a 457 participantes, e Ames, na que concorreron 425 ciclistas. A continuación a quenda é da Estrada, nunha cita que na data sinalada que conta xa con 418 inscritos. Posteriormente a competición celebrarase en Silleda e finalizará en Vigo o 28 de abril.

 

Para o día da proba poderanse retirar os dorsais entre as oito e as nove da mañá, a partir das 9:15 horas disporase a formación de saída e ás 9:30 dará comezo a proba, que este ano como novidade terá a saída e a meta na Praza da Feira do casco urbano en lugar de telas en Sabucedo, como en edicións anteriores.

 

A proba consta de dúas voltas a un circuíto de 32 quilómetros, o que fai un total de 64, cun desnivel total de 1.500 metros acumulados (750 metros de desnivel por volta). É preciso contar cunha licencia de competición ou cicloturista para á inscrición á carreira, que se deberá realizar a través da páxina web www.magmasports.es, e é posible adquirir unha licencia para un só día de cara á realización da proba, segundo afirmou o presidente da Peña Ciclista Bikestrada, Juan Vilariño.

 

A entrega de trofeos realizarase na mesma praza a partir das 13:30 horas nunha competición que conta con categorías que abranguen dende junior ata máster 50-60.

 

Para rematar, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, animou á participación cidadá, tanto a deportistas como espectadores a desfrutar dunha proba na que el mesmo tentará estar presente e agradeceu ao Concello e ás empresas patrocinadoras do evento, Helvetia e Inversia Seguros a súa implicación co deporte.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1