Biografía Paulo Porta Martínez

Naceu en Marín ( Pontevedra) no ano 1.961 e viviu na Estrada dende os sete anos.  Licenciouse en Belas artes pola Universidade de Valencia no 1.984. De 1.984 a 1.988 foi profesor de debuxo nos institutos de O Barco de Valdeorras, A Sardiñeira ( A Coruña) e Boiro, e dende 1.988 imparte Debuxo e Fotografía Dixital no Instituto de Bacharelato Arcebispo Xelmírez 1 de Santiago de Compostela.

 

Entre outras actividades culturais, formou parte en 1.981-82 do grupo estradense de música galega “ Penadona”,  xunto con Xoseme Mosquera, Xan Herrera e Lois Torres; participou na creación do boletín de literatura galega “ Matacán” ( 84 -85) e presidiu a “ Asociación Cultural A Estrada”, baixo cuxa dirección se celebrou no 1.987 o “ I  Simposio de Literatura Galega Estradense”, adicado especialmente aos irmáns Valladares, Cabada Vázquez e  García Barros.

 

A súa obra individual é case toda  froito dos seus diversos estudos en col da obra de guerra de artistas galegos coma Castelao ou Arturo Souto e dos seus traballos verbo da imaxe dixital. Así temos: 1937, CASTELAO E SOUTO EN VALENCIA (Ed. do castro, 1.985), ARTURO SOUTO ( Biografía) ( A Nosa Terra, 2.002), A GUERRA DE ARTURO SOUTO ( A Nosa Terra, 2.002), e TRATAMENTO DIXITAL DA IMAXE ( Ed. Fouce, 1.999), FOTOGRAFÍA E IMAXE DIXITAL ( Edicións Lea, 2.003). Como co-partícipe en edicións colectivas temos: “ Dúas teses para a valoración da evolución estética de Castelao” en CONGRESO CASTELAO ( Universidade de Santiago de Compostela, 1.989); “ A Guerra civil” na mostra antolóxica ARTURO SOUTO ( Fundación Barrié de la Maza, 1.997) e “ Arte en loita” no Congreso CASTELAO. CO PENSAMENTO EN GALIZA ( Concello de Pontevedra – ASPG – Universidade de Vigo, 2.001).

 

Asimesmo temos que salientar que foi o editor da obra de homenaxe  póstuma a Xoseme Mosquera, DAME A TÚA MAN ( Ed. Fouce, 1.999).

 

Tamén cómpre termos en conta o seu labor como  deseñador maquetador e ilustrador de diferentes obras. Así temos  que ilustrou as portadas de INSTITUTO XELMÍREZ. PASADO E PRESENTE ( 1.845-1.995) ( Deputación Provincial da Coruña, 1.997), COS PÉS NA TERRA de Xosé R. Freixeiro Mato  (Ed. Fouce, 1.999) e das I  XORNADAS DE INNOVACIÓN EDUCATIVA XOSÉ CALVIÑO ( Xunta de Galicia, 2.000).E deseñou e maquetou AXENDA ESCOLAR I.B. XELMÍREZ ( cursos 00 -01 e 01 – 02); actas do Congreso CASTELAO. CO PENSAMENTO EN GALIZA ( Concello de Pontevedra- ASPG – Universidade de Vigo, 2.001) e actas de Congreso LINGUAS NON NORMALIZADAS. PRESENTE E FUTURO ( Universidade de Vigo – ASPG, 2.002).

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1