Biografía Manuel García Barros

Naceu na aldea de Ulla, parroquia  de Berres (A Estrada) no ano 1.876. Foi compatibilizando os seus estudos primarios cos traballos cotiáns de labranza e ademais artesanais. Cando estaba a realizar o servicio militar en Vigo comezou a colaborar en revistas e a tomar contacto con movementos culturais da cidade  olívica, moi especialmente co teatro. Alternando os seus traballos cos estudos, no ano 1.905 acadou por libre,  o título  de “Mestre de 1º ensino  elemental” No ano seguinte casará en Callobre (A Estrada), onde vivirá o resto da súa vida. No ano 1.907, e por mor do seu labor como  director do xornal “El Estradense”, pasou por primeira vez na súa vida pola cadea, feito que se volveu a repetir no ano seguinte. Os seus contactos e simpatía cos movementos agrarios de comezos de século son moi salientábeis así coma cos membros das “ Irmandades da Fala” e posteriormente co grupo “ Nós”, moi especialmente co seu gran amigo e soporte cultural Ramón Otero Pedrayo. Xa a partir do 1.920 pasou a ser un persoeiro recoñecido nas nosas letras e no galeguismo, canto máis ao ser un dos “alma mater” do xornal “El Emigrado”, que foi o xornal de maior duración da Estrada ata hoxe, e no  que colaborou con todo tipo de traballos. No ano1.927 aprobou as oposicións de Mestre Nacional, indo no seu primeiro destino a Pekín (Castrelo do Val- Ourense). O levantamento militar supúxolle a suspensión de emprego e soldo, cando xa fora trasladado a unha parroquia da beira (San Pedro de Ancorados).Este emprego non lle foi xamais restituído en vida. No ano1.955 foi levado de novo ao cárcere, xunto com Francisco Fernández del Riego e Domingo Lemos Suárez,  no seu caso simplemente por lle atopar unhas revistas (“Bohemias”) que lle mandaran dende Cuba. No ano 1.957 foi nomeado “Membro Correspondente” da Real  Academia Galega. Finou no ano 1.972.

 

No ano 1.997 o Excmo. Concello da Estrada adicou este ano á Lembranza da súa memoria.

 

Os seus primeiros escritos xa saíron da súa pluma a finais do século XIX, sendo nestes comezos case en exclusiva poemas, que apareceron publicados por separado nos máis variados medios. O seu primeiro artigo coñecido publicouse en  “Luz y Sombra” de Vigo no ano 1.898. A partir de aquí é moi reseñable o seu labor xornalístico, especialmente no xornal “El Estradense”, un semanario agrícola-social, que se comezou a publicar no 1.906 e no que participou con artigos, relatos curtos… e do que foi o seu director. Deixou de se publicar no 1.909. No ano 1.920 creouse o xornal “ El Emigrado”, xornal financiado polos “ Hijos del Ayuntamiento de A Estrada” de Cuba. Neste xornal comezou a publicar periódicamente os seus “    Contiños da Terra” e comezou a ser recoñecido e respetado no ámbito cultural galego e no  movemento galeguista. No ano1.924 o seu conto O fúbol en Malpocados foi premiado nos “Xogos Florais de Santiago”. Dous anos máis tarde púxose  en escena a súa  pequena peza teatral CARTA DA HABANA (Revista Céltiga; Ed. Fervenza, 2.002). No 1.929 o seu longo traballo “Falemos na nosa fala” gañou o “Certame Literario de Exaltación da  Muller Galega” (Pontevedra). Posteriormente recolleitou os contos que fora sacando no  “El Emigrado”, e saíu á rúa so o título CONTIÑOS DA TERRA (Nós, 1.931; Hnos. Caporaletti, 1.952, Ed. Xerais de Galicia, 1.999; Biblioteca Galega 120, La Voz de Galicia, 2.002). Xa en vida non viu publicadas máis obras, a pesar de pasar toda a vida escribindo. No ano do seu paramento, meses despois, saiu á rúa AVENTURAS DE ALBERTE QUIÑOI (Ed. Castrelos, 1.972; Vía Láctea, 1.990), a pesar de que xa fora finalista nun concurso literario convocado polo Centro Galego de Buenos Aires no 1.949. Máis tarde publicáronse as súas obras ENREDOS (Edit. Galaxia, 2.000) y DOS MEUS RECORDOS (Edit. Galaxia, 2.001).

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1