Biografía Xosé Manuel Mosquera Carbón

Naceu en Moreira (A Estrada) no ano 1.960. A súa formación educativa, vital no seu futuro, comezou nunha escola, daquela unitaria, desta mesma parroquia, rematando os seus estudos do EXB no Colexio Público Pérez Viondi da Estrada. Transcorre estes primeiros anos de vida rodeado dun ambiente rural e onda as tradicións culturais galegas están presentes.

 

Pero será  no Instituto de Bacharelato da Estrada (75-79) onde comezará a tomar en serio o seu interese pola literatura, á vez que esperta nel  un profundo sentimento pola Cultura galega en calquera que sexa a súa expresión. Neste período vive un feito que o marca: finaliza a “ dictadura franquista e chega o que el denomina “ demosgratia”, que supón un paso adiante no afán de conseguir a liberdade de expresión que el tanto arelaba. Comeza a evolucionar dentro del unha personalidade de escritor e galeguista, que amosa (sempre o que cre conveniente) nun enfoque crítico da realidade social na que vive, pero tamén rexeita calquera feito de vincular a súa  ideoloxía a un partido político.   Nestes anos de bacharelato forxa as súas mellores amizades (un dos valores que el más aprecia), case sempre ligadas ao gusto polas artes e pola cultura galega.

Toma clases de guitarra e logra dar saída á súa vea musical no grupo da asociación cultural “Volvoretas”.

 

A finais do ano 1.979 comeza os estudos universitarios na Escola Universitaria do Profesorado de EXB de Santiago de Compostela, co obxectivo de cursar os estudos de Pedagoxía ao rematar os primeiros. Será nesta época cando formará parte como membro da “Asociación Cultural A Estrada” e fundará, conxuntamente con tres amigos, o grupo de música folk “Penadona”.

 

Xa sabedor de a grave enfermidade que padece, vive os últimos meses con intensidade, intentando aproveitar o tempo para calquera tipo de creación, ben sexa literaria, musical ou pictórica.

 

Deixando unha breve pero apaixoada creación,  “afronta un cambio máis da súa vida” o 24 de Maio do 1.982.

 

Xa nos seus derradeiros anos do bacharelato comezou coa súa actividade literaria colaborando na edición dun pequeno xornal estudantil,  “ Pingueira”, e escribe os primeiros relatos e poesía (a súa  verdadeira paixón)  xa a comezos do 1.978. Tamén aquí comezarán as súas inquedanzas pola  investigación do Castro de Barbude (A Estrada co afán de buscar antecedentes da cultura celta na zona e de reflexalo nun pequeno manual. Nesta época de maduración da súa  personalidade como autor, marcará nel un fito salientable a figura do seu admirado Manuel García Barros, así  como posteriormente Xosé Neira Vilas, chegando el mesmo a identificarse co seu Balbino.

A súa admiración por  García Barros verase acrecentada polos seus contactos cotiáns co fillo, David Ovidio García. Xa por aquela escribe unha pequena reflexión verbo  da súa particular visión da morte, á  que concibe como un cambio máis da vida que debemos afrontar con curiosidade.  A súa etapa de estudante en Compostela será á máis intensa como escritor e tamén como músico.   Nesta época  coñecerá a Xosé Neira Vilas, a Xosé Manuel Martínez Oca,  a X. Amancio Liñares Giraut, a Xosé V. Ferreiros (de “ Milladoiro”), que incentivarán aínda máis os seus anceios literarios e e musicais.  Nestas datas dará saída á súa forte paixón literaria en forma de diversa poesía, relatos breves e artigos como colaborador no xornal ” El Correo Gallego” e na revista literaria universitaria “Dorna”.

 

A súa obra poética será recompilada postumamente na obra homenaxe DAME A TÚA MAN (Ed. Fouce, 1.999).

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1