Biografía María Xesús Nogueira Pereira

“ Chámome María Xesús Nogueira Pereira e nacín onde o Ulla corre manso, na Ribeira dun lugar que chaman Berres, concello da Estrada, no verán de 1.968. Aprendín alí o oficio de coleccionista. Tamén de palabras.

 

Despois da escola  e o Bacharelato cursei Filoloxía en Santiago e actualmente traballo na Facultade de Humanidades de Lugo da USC, impartindo clases de Lingua e Literatura galegas.

 

Desde hai anos, escribo.

 

As máis das veces, intento explicar as palabras alleas: as dos poetas e os narradores da lingua que falo. Tiven a sorte de participar en proxectos colectivos como “  Letras de cal”, “ Augasverso”, Informes de Literatura do Literatura do CIRP” e, na actualidade, nas revistas “ Dorna” e “ Boletín Galego de Literatura”, así como na sección LG3

do portal “ culturagalega.org”.

 

Por veces escribo poemas, arríncome pouco a pouco as palabras e vou tapando con elas os furacos para que non entre o frío. Outras, son elas as palabras, as que veñen soas e me sorprenden. Mesmo hai días, os máis, nos que eu mesma preciso buscar un abrigo á calor das palabras dos outros.

 

Polo demais, a miña vida son recordos apegados un a outro. Unha infancia á beira dun río, os pasos da xente sobre a rúa mollada”.

 

De xeito individual publicou OS OUTROS FEIRANTES, DE ÁLVARO CUNQUEIRO ( Sotelo Blanco, 1.993) e ÁLVARO CUNQUEIRO. NARRATIVA CURTA. ANTOLOXÍA ( ASPG- A Nosa Terra, 1.997).   Con todo, o  seu labor con colaboracións en diferentes publicacións colectivas é moi salientable. Cómpre sinalar a unidade titulada “ A recuperación da narrativa en galego”, que forma parte da HISTORIA DA LITERATURA GALEGA

( ASPG-A Nosa Terra, 1.996).Tamén participou no “ Congreso Álvaro Cunqueiro co traballo “ A estructura de Merlín e familia” ( Xunta de Galicia, 1.993). Outras das súas colaboracións máis senlleiras son: “ A utilización da didáctica do corpus parateatral no estudio da literatura galega” en  LINGUA, LITERATURA E ARTE ( Universidade de Santiago de Compostela, 1.997), “ O país das naves e das flotas. Achegamento á presencia da cultura portuguesa na obra de Cunqueiro” en

HOMENAXE A PILAR VÁZQUEZ CUESTA ( Universidade de Santiago de Compostela, 1.996),  “ A escola de ben contar. Elementos da literatura popular no relato cunqueiriano de Asedios o conto ( Universidade de Vigo, 1.999), “ Do fonema  á paisaxe.  O discurso metalingüistico na poesía  galega dos noventa” en

CINGUIDOS POR UNHA ARELA COMÚN. HOMENAXE A XESÚS ALONSO MONTERO ( Universidade de Santiago de Compostela, 2.000),  “  Poesía  de fin de milenio. Os anos oitenta” en  LITERATURA ( Hércules Edicións, 2.001),  “ Do  vangardismo poético cunqueiriano. Apuntamentos sobre soma de craridades en HOMENAXE A FERNANDO R. TATO PLAZA

( Universidade de Santiago de Compostela, 2.002) e “ A casa   de chachauí.  Aproximación a Cantos Caucanos en AVILÉS DE TARAMANCOS

( Universidade de Santiago de Compostela, 2.003).

 

Asimesmo son numerosas as súas colaboracións en revistas coma “ Boletín Galego de Literatura”, “ Revista Galega do Ensino”, A Nosa Terra”, “Unión Libre”, “ Dorna”,  “Anuario de Estudios Literarios Galegos”, “ Festa da Palabra Silenciada”, “ Moenia”,

“ Madrygal”, “ Matacán”,  “ Olisbos”,  “ Augasverso”...

 

Tamén foi autora do “ Limiar” á obra de Carlos Solla TERRAS RARAS ( Acef- Arte Tripharia, 2.001).

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1