Biografía Pepe Carballude

24 Mai 2010

“    Nacín na aldea de Rubín, na Estrada, Pontevedra, o 15 de Agosto de 1.956. Tanta presa tiña por chegarque me presentei o día da Festa e xa comín á mesa cos festeiros.

Disque a madriña Consuelo paraba a xente que ía  para a misa cantada e dáballe a grande nova. A pobre nom podía disimular o contento que lle  producía o seu primeiro netiño.

 

Na nosa casa non había libros nin enciclopedias. Por iso lin poucos contosde pequeño, peroá hora de durmir, Rosa e Francisca, as mulleres que lles botaban unha man a meus pais nos trafegos do campo, contábanme unha chea de historias de lobos adoecidos, de fantasmas que volvían  a este mundo ou de mouros gardiáns de tesouros fabulosos.

Meus irmáns e máis eu quedabamos toda a noite a soñar con aqueles relatos.. Coido que de aí prendeu en min o gusto por fabular.

 

Os primeiros anos paseinos na aldea, axudando nos labores da terra e xogando cos outros rapaces sempre que poidamos. No verán, mentres os pai durmian a sesta, bañabámonos no río que pasaba polo fondo das brañas onde  se podían atopar sacos con gatiños ou cadelos afogados. De vez en cando axexabamos cómo se bañaban  as rapazas e despois escolliámolas de mozas. Normalmente elas non sabían nada. Outras veces dábasenos por entrar nas hortas dos veciños a coller  froita, a mesma que tiñamos nas nosas, pero a roabada sabía mellor. Tamén  andabamos ós niños de paxaro ou pillabámolos con paxareiras, armabámoslles ás  troitas de noite, xogabamos o fútbol, corriamos coa chinga… E ademáis eu era o sancristan. Así matabamos a holganza.

Cando cumprín doce anos marchei para Ourense. Estudiaba no instituto e vivía interno nun colexio menor. Era a primeira vez que saía ó “    estranxeiro” e doeume moito.

Pola noite lembrábame da casa da aldea, ruín  pero agarimosa, dous irmáns, dos amigos, do can que me axudaba a tornar o gando, da troula… Na cidade non había nada diso. Non tiña queixa, pero faltábame a gárrula dos meus.

Metinme de cheo nos libros e rematei o bacharelato no ano 1.975. En Ourense coñecínalgúns dos escritores que máis admiro: Blanco Amor, Carlos Casares, Méndez Ferrín… Foi un descubrimento porque eu pensaba que todos os escritores estaban mortos, por iso saían nos libros.

Despois  fun estudiar Filología Clásica a Compostela, a miña vocación desde terceiro de bacharelato. O mundo antigo ,de lendas e deuses caprichosos, atraíanme moito. Alí afondei na lectura de escritores gregos e latinos como Homero, Sófocles, Virxilio, Ovidio, Horacio… A ele débolles unha estética e un xeito de contar.

No ano 1.980 licencieime en Filoloxía Clásica e marchei a dar clase a Cabeza del Buey (    Badajoz).Ó ano seguinte aprobei as oposicións de agregado de Latín e destináronme a Vlilagarcía. Despois volvín a Badajoz, desta volta a Don Benito. Aquel ano fixenme catedrático de Latín e pasei a Carballo. Na actualidade estou no IES “    Xosé Neira Vilas” de Perillo – Oleiros (   A Coruña). Esta é a miña vida, unha  fotografía en branco e negro que non se pode cambiar”.

 

A súa andaina literaria comeza no ano 1.986, especializándose no apartado da literatura infantil e xuvenil, á que se adicará case en exclusiva. Así no ano1.986 acada o 1º Premio na 3ª edición do Certamen literario “   O Barco de Vapor” coa súa obra OS GAZAFELLOS (   Edit. S.M ., 1.987). Continuará coa obra O XÍLGARO PINTOR (   Edit. Galaxia, 1.987). No ano 1.989 publicará tres obras: ANDAINAS DE PEDRO CHOSCO (    Edit. S.M., 1.989), O TALISMÁN DOS DRUÍDAS (   Edit. Galaxia / Everest, 1.989) e INVESTIGACIÓN 091

( Edit. S.M., 1.989   ). Cada vez a súa  pluma  ten máis presentes aos lectores máis xoves e así no ano 1.990 volve acadar  de novo  o premio “   O barco de Vapor”,

Coa obra O DEUS DESAPARECIDO ( Edit. S.M., 1.990), escrita  en conxunto con Andrés García  Vilariño. Neste mesmo ano tamén verán a luz OS ENREDOS DE OLALLA (   Edit. Sotelo Blanco / Everest, 1.990   ) e aparecerá traducida ao catalán a súa INVESTIGACIÓ 091 (   Cruilla- S.M., 1.990) No ano 1.992 publicarase a obra A FRAGA MISTERIOSA (   Edit.  S.M., 1.992), que fora obra finalista no premio “    O barco de Vapor” do ano 1.987  Continuará coa HISTORIA DO HOME CAN (    Edit S.M., 1.993 / Everest, 1.994),  con ¡   MALDITO D.N.I.! (    Edicións Xerais de Galicia, 1.994) e con S.O.S. (    Edit. Galaxia, 1.994.).  Ata o ano 1.997   non volverá a publicar ningunha obra narrativa, algo que fará coa súa obra ROMAXE DE DESVENTURAS (   Edit. Rodeira, 1.997), que tamén será traducida ao castelán ese mesmo ano (   Edit. Edebé, 1.997). Asimesmo sairá da súa pluma a colaboración A PARTIDA DE AMAIRXÉN (   Asociación Cultural Neira de Vimianzo, 1.997). No ano 1.999 publicará as obras ANDREA QUERE SER MAIOR (    Edit. Everest, 1.999) e MIMOS E MÁIS MIMOS (    Edit. Galaxia, 1.999). No 2.001 sairá  á rúa PAISAXE CON FONDO GRIS (   Edit.  Galaxia, 2.001) e ao ano seguinte DE CÓMO O SANTO DOS CROQUES SE FAI PEREGRINO (   Edit. S.M., 2.002), obra  coa que acadou o 1º premio do certame “   O barco de Vapor” dese mesmo ano. Tamén desde ano será a súa colaboración, non de literatura infantil e xuvenil, “Todo ten o seu valor” (    “    Relatos de verán”;  La Voz de Galicia, 2.002)

.

Con todo, Pepe Carballude tamén posúe  outras obras, principalmente traducións de obras da literatura clásica ao noso idioma;   así temos: A GALICIA ROMÁNICA, L.G. BANGO TORVISO (   Edit.Galaxia, 1.987), AS FÁBULAS DE FEDRO (    Xunta de Galicia, Clásicos en galego, nº 2. Edit. Galaxia, 1.988),  esta en conxunto con Xosé Mª Liñeira Reboredo, A VIDA DIÁRIA DOS ROMANOS

(    Texto editora, 1.995), que é unha tradción ao portugués da mesma obra publicada en castelán (    Edit. S.M., 1.989), SOBRE A VELLEZ / SOBRE A AMIZADE, de Cicerón (    Xunta de Galicia, Clásicas en galego, nº 14. Edit. Galaxia, 1.995),  tamén en conxunto con Xosé Mª  Liñeira Reboredo. Amais  cómpre salientar  as súas colaboracións “   Do meu rueiro” en MANUEL REIMÓNDEZ PORTELA NA LEMBRANZA (   Edición do Castro, 1.996), nunha obra homenaxe ao estradense D. Manuel Reimóndez Portela, ou  “    Un esquema para a  análise visual do latín” (   Rev. Trevo, nº 5, Ourense)

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1