La Habana: Actividades

16 Mai 2010
Visitas: 9383

 

A Sociedade Fillos do Concello da Estrada da Habana celebrou o día 20 de xaneiro a súa primeira xunta xeral de asociados do ano. A xuntanza tivo lugar no salón Jesús Barros López do antigo palacio do Centro Galego da Habana, coa participación dun centenar de asociados e asociadas, e presidida polo seu titular, o emigrante estradense Servando Oubel Feros, a secretaria social, Gódula Rodríguez Señarís e o resto das persoas integrantes da Xunta Directiva.

Deuse a coñecer o estado das finanzas da sociedade, aprobouse o orzamento para o ano que recentemente comeza; tamén se presentou un informe sobre o labor desenvolvido pola Xunta Directiva durante o pasado ano 2012, no que se realizaron un total de 23 actividades.  Aprobouse o plan de traballo e os principais obxectivos que se deben acadar durante este ano, cun total de trece actividades, entre as que se destacan a participación dos grupos de danza da entidade: Manto de Rosas e Sorrisos Cubanos nos festivais: Raul Soto Santana In Memorian, A Pegada de España e o Festival da Cultura Española, así como nas festas de San Paio do próximo mes de xuño. Tamén se puido coñecer que  a Xornada das Letras Galegas que se vai celebrar durante o mes de maio, estará dedicada este ano a dúas destacadas personalidades da cultura estradense, o profesor do IES Manuel García Barros, Carlos Loureiro Rodríguez e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez.

Por outra banda, a Xunta Xeral de Asociados aprobou outorgar este ano os títulos honoríficos de presidente de honra a José Antonio Villanueva Sedes (A Habana, 1939), ex presidente de Fillos da Estrada e posuidor do  seu título de mérito, e ao  Dr. Jesús Barros López. (A Habana, 1917-2002), a título póstumo, unha destacada personalidade da colectividade española en Cuba, e particularmente da estradense. No momento do seu falecemento ostentaba as seguintes condecoracións e distincións: Medalla de Galicia, categoría bronce. (2000), presidente de honra da Federación de Sociedades Españolas de Cuba, tesoureiro de mérito de Fillos da Estrada, ademais de innumerables diplomas de honra, de mérito e de constancia de máis de vinte sociedades españolas; o pasado ano 2012 foille outorgado, con carácter póstumo, o recoñecemento Miguel de Cervantes Saavedra por parte da Federación de Sociedades Españolas de Cuba. O título de socio de honra outorgóuselle ao destacado escritor crucés, D. Xosé Neira Vila ( Gres, Vila de Cruces - Lalín, 1928) pola obra de toda a vida e, en especial, pola desenvolvida no noso país durante máis de trinta anos, e entre as que se destacou a creación da sección galega no Instituto de Literatura e Lingüística, onde, grazas ao seu inxente labor, foron rescatados para a posteridade os fondos bibliográficos máis importantes do continente americano sobre a emigración galega. En Cuba recibiu os títulos de doutor honoris causa pola Universidade da Habana (2003), a medalla Afasto Carpentier (2011), do Consello de Estado da República de Cuba e o Recoñecemento Miguel de Cervantes Saavedra (2012) da Federación de Sociedades Españolas de Cuba.

O título de mérito recibirano este ano seis persoas asociadas que destacaron polo seu traballo na entidade durante os últimos anos, son: Antonio Torres Pérez, Aldo Hernández Monzón, Roberto Rodríguez Señarís, Nelly López Bellver, José A. Espinosa Santana e Luciana M. Martínez Alarcón.

Os títulos de honra e mérito serán entregados en solemne cerimonia durante as festas de San Paio que se celebrarán o próximo mes de xuño. O encontro finalizou cunha merenda-bufete.

Fillos do Concello da Estrada fundouse na Habana o 4 de xuño de 1915 e conta cun total de 318 persoas asociadas, das que as mulleres son o 63% e os maiores de 60 anos o 55%. 5 dos seus asociados son naturais de Galicia e 73 son descendentes con cidadanía española. Posúe un panteón social no Cemiterio de Colón é membro da Federación Española (FSEC) e da Galega (FSGC) e realiza un importante labor sociocultural no seo da colectividade española.

servando oubel - nuevos asociados -2013 -
jga - enero 2013 - estradenses - servando oubel feros. 2013.-

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1