Convocado o programa do bono autónomo das persoas autónomas ao abeiro dos fondos nextgeneration

12 Enero 2022

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR341Q).

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

1. As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan o domicilio fiscal en Galicia, que na data da solicitude teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2020.

2. As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que na data da solicitude teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.

b) Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2020.

c) Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración realizada referida ao ano 2020 inferior a 30.000 euros (segundo o recadro 552 do imposto de sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas, este importe de 30.000 euros referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF da suma de todos os membros da sociedade ou comunidade de bens.

Esta axuda terá dúas liñas de actuación:

Liña 1, mellora da competitividade a través dos seguintes servizos:

• Plan estratéxico do negocio.

• Plan de reorientación do negocio.

• Plan de refinanciamento.

• Plan de márketing.

• Plan de eficiencia enerxética.

• Plan de biodiversidade.

• Plan de comunicación do negocio.

• Plan de transformación dixital.

Tamén se poderán subvencionar outros estudos e plans que teñan como fin aumentar a competitividade da empresa. Así mesmo, poderá ser computable como gasto subvencionable o pagamento do importe do cofinanciamento privado dos servizos contratados co Igape a través do programa ReAcciona na súa convocatoria para o exercicio de 2021 e sucesivas por parte das persoas traballadoras autónomas.

Liña 2, mellora da competitividade a través dos seguintes investimentos:

• Compra de maquinaria.

• Compra e/ou instalación para a mellora da eficiencia enerxética.

• Investimentos para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos.

• Compra de utensilios e ferramentas.

• Reforma do local do negocio.

• Equipamento informático.

• Equipamento de oficina e/ou negocio.

• Rótulos.

• Aplicacións informáticas, páxinas web, apps e redes sociais.

• Deseño de marca.

Na solicitude de axudas, as liñas 1 e 2 non son excluíntes nin entre elas nin entre os distintos servizos e investimentos que as configuran.

O importe máximo que se pode percibir por ambas as liñas é de 3.000 €.

O prazo de presentación de solicitudes iníciase o 14 de xaneiro de 2022 e remata o 14 de febreiro de 2022.

Tes toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211230/AnuncioG0599-291221-0003_gl.pdf

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1