Premios San Martiño de Normalización Lingüística

09 Noviembre 2022

 

O vindeiro xoves 10 de novembro ás 20.30h terá lugar no Teatro Principal da Estrada outra edición dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística amenizada pola música de The Mayaners.

 

san martiño

Os premios concédense nas tres modalidades seguintes:

- A Estrada e Comarca de Terra de Montes

- Galicia Enteira

- Toda unha vida

 

 

Premio á difusión da lingua na comarca de Tabeirós Terra de Montes:

 

Outorgado ás empresas Ausama-Ausavil

As empresas Ausama (Lamela) e Ausavil (A Estrada) dirixidas polos irmáns Antonio e Miguel Villar Costoyas, inician a súa andadura hai 30 e 20 anos, respectivamente. Situada na parroquia de Matalobos (A Estrada), Ausavil dedícase á fabricación e venda dunha ampla gama de maquinaria e accesorios relacionados co sector forestal, xardinería, horta, enoloxía, oleomaquia, equipos de limpeza e auga a presión para lavados. Situada na parroquia de Lamela (Silleda), Ausama dedícase á importación e distribución de maquinaria agrícola e gandeira. Estas firmas convertéronse, da man dos seus propietarios, nun foco emprendedor de proxectos culturais que tiveron na lingua galega a súa canle de referencia, sendo quen de normalizar o seu uso no ámbito das relacións comerciais e industriais.

 

 

Premio á normalización no ámbito galego:

 

Outorgado a Tanxugueiras

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras. Tres cantareiras para unha nova década. Capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, más cercanos ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, o seu apoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vocal son os máximos exponentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.
O trío recolle o legado das pandeireteiras, das mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e ofrecerllo, de novas, ao mundo nunha explosión de modernidade, e cunha forza ancestral que as está a facer triunfar a nivel nacional e internacional. O fenómeno Tanxugueiras conseguiu vertebrar, por outra banda, entre a mocidade galega unha corrente de predisposición en favor do uso do noso idioma, demostrando que a nosa lingua pode chegar a calquera ratio de poboación e a calquera lugar do mundo.

 

 

Premio á normalización durante toda unha vida:

 

Outorgado a D.ª Mercedes Brea López

A estradense D.ª Mercedes Brea López é catedrática xubilada de Filoloxía Románica na universidade de Santiago de Compostela. Foi, nesta universidade, entre outros cargos, directora do Servizo de Publicacións, vicerreitora de Profesorado e decana da Facultade de Filoloxía. Dirixiu unha decena de proxectos de investigación do Plan Nacional, e varios de carácter autonómico, ademais do proxecto Lírica gallego-portuguesa, que se desenvolve no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Precisamente, esta liña de investigación centrada na literatura románica medieval ocupou e ocupa un lugar prioritario no seu traballo, así como o estudo do léxico e a expresión lingüística na lírica galego-portuguesa do medievo.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1