Un ano máis, o Concello e a veciñanza da Estrada renden a súa homenaxe particular á figura de Rosalía de Castro a través dun video clip gravado por unha selección de persoas pertencentes ao ámbito da mediciña e das emerxencias sanitarias.
Esta escolla, realizada entre un longo abano de profesionais que protagonizou con valentía a loita contra a pandemia, serve, pois, para poñer en valor a heroicidade de dous baluartes da nosa historia pasada e presente.
O lema desta proposta videográfica Mais ti vas indo incide nesa capacidade de resistencia e resiliencia que escritora e profesionais do sector sanitario amosaron fronte as moitas adversidades que lles tocou afrontar. Se a saúde é cultura; ben podería afirmarse que a cultura é a mediciña da alma. Aquilo que nos impulsa, logo de caermos, a erguernos do chan e seguir camiñando con paso firme.
Coma en entregas anteriores, da coordinación do proxecto encargouse o departamento de Cultura do Concello e da súa dirección e realización, o estradense Lucas Terceiro.