O programa Respiro familiar permite que persoas dependentes ou con discapacidade realicen estancias temporais en residencias que facilitan o descanso dos seus coidadores habituais.
Consiste no financiamento de ata o 100 % dunha estadía en calquera centro residencial de Galicia sen límite de tempo e ata un máximo de 1.500 euros, ou a achega de ata un máximo de 1.000 euros para aboar o custo dun coidador no fogar.
O principal obxectivo é facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas coidadoras.
Persoas beneficiarias:
Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria.
Requisitos para acceder á subvención:
Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:
a) Que a persoa coidadora solicitante da subvención ou a persoa ou persoas que vaia atender, sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que a persoa que se vai atender se encontre nalgunha das seguintes situacións:
1º. Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.
2º. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente no grao II ou III.
3º. Que a persoa que se vai atender, no caso de non encontrarse nas situacións enumeradas nos ordinais anteriores, presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto dende o 8 de febreiro ata o 30 de outubro de 2022.
PARA MAIS INFORMACIÓN DIRÍXANSE AO DEPARTAMENTO DE SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO.