O xurado xustifica a súa elección no “coidado na caracterización dos dous personaxes protagonistas” e na calidade da súa prosa.
O galardón entregarase nun acto público a finais do outono e inclúe a publicación da obra pola Editorial Galaxia.
O xurado da XXXIV edición do premio de novela Manuel García Barros, que convoca o Concello coa colaboración da Editorial Galaxia, vén de galardoar ao escritor Ignacio Vidal Portabales pola súa obra “As horas dunha illa remota”. A novela, presentada baixo o lema de “O voo do azor”, resultou elixida pola maioría dos membros do xurado entre os 33 orixinais presentados nesta edición.
O xurado estivo composto por Marta Neira Rodríguez, María de las Mercedes Corbillón Fernández, Marcos Sánchez Calveiro, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez.
Armando Requeixo xustificou a elección desta obra “no coidado na caracterización dos dous personaxes protagonistas, dúas irmás cunha figura paterna chea de luces e sombras que viven as sombras dunha infancia difícil en Colombia que proxectan o seu ronsel no presente adulto de ambas na súa Galicia de orixe”.
Ademais, os membros do xurado desatacaron a calidade da prosa coa que está escrita a novela, cun emprego dos diálogos de grande mestría funcionando a obra coma un conxunto “que se retroalimenta nas partes e que convida a pensarnos e repensarnos”.
Ignacio Vidal Portabales é Doutor en Dereito e profesor titular de Dereito Mercantil na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela. Compaxina a docencia coa escritura, con varios ensaios publicados sobre temática xurídica e catro obras narrativas en galego publicadas na Editorial Xerais.
O premio está dotado con 9.000 euros e inclúe a publicación da novela. A súa entrega levarase a cabo este outono nun acto no Teatro Principal da Estrada que volverá a ser público despois de dous anos condicionado pola pandemia.