Manuel López Rodríguez gaña o XXVI Premio de Poesía Avelina Valladares coa obra “O cemiterio. A néboa”

10 Agosto 2022

 

É o segundo ano consecutivo que o escritor noiés resulta o gañador, e o xurado elixiu o seu poemario “pola súa orixinalidade” entre os 38 traballos presentados.

 

Avelina Valladares

O galardón entregarase nun acto público no Teatro Principal a finais do outono e inclúe 2.000 euros e a publicación do poemario por Edicións Fervenza.

 

O xurado da XXVI edición do Premio de Poesía Avelina Valladares vén de galardoar ao escritor noiés Manuel López Rodríguez polo seu poemario “O cemiterio. A néboa”, presentado baixo o lema de “Martirio”.

 

O fallo do xurado, outorgándolle a victoria ao poeta noiés por segundo ano consecutivo, deuse a coñecer esta mañá na sala de xuntas do Concello unha vez aberta a plica elixida por unanimidade entre os 38 traballos presentados este ano.

 

O xurado desta edición estivo composto por Rosalía Morlán, Dolores Carbajal, Sindo Villamayor, Esteban Folgar e Dolores Araújo -esta última actuando como secretaria-. Folgar xustificou a elección dos membros do xurado pola súa orixinalidade, xa que “o poemario está dividido en tres partes e a súa parte principal está feita polo sistema de escolle a túa propia aventura, na que os poemas permítenlle ao lector escoller o camiño que quere seguir”. O traballo, ambientado nun cemiterio, lembra figuras ilustres que xa morreron “dirixíndose con frecuencia ao receptor” e empregando figuras metapoéticas, engadiu Folgar.

 

Unha vez coñecida a identidade do gañador, a edil de Educación, Amalia Goldar, foi a encargada de comunicarlle a noticia. O premio está dotado con 2.000 euros e inclúe a publicación do poemario por Edicións Fervenza. O galardón entregarase a finais de outubro nun acto público no Teatro Principal da Estrada, coincidindo coa Festa da Poesía.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1