A Estrada acollerá a VI andaina solidaria co Alzhéimer “Os Camiños da Memoria” o 16 de setembro.
A ruta, organizada por Agadea, contará cun percorrido de 8 quilómetros e de baixa dificultade, dous avituallamentos, actividades e a actuación do grupo Regatos.
A sexta edición da andaina solidaria “Os camiños da memoria”, organizada pola Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer (Agadea) en colaboración co Concello, que volverá acoller A Estrada o día 16 de setembro despois de dous anos celebrándose en formato virtual por mor da pandemia.
A andaina dará comezo o venres 16 de setembro, ás 19.30 horas na Praza do Novo Mercado. Alí haberá actividades organizadas pola asociación xuvenil Ocionautas e acompañamento musical a cargo do grupo de folk Regatos. Dende a organización recomendan vestir roupa e calzado cómodos e acudir unha hora antes para que os/as participantes poidan recoller cadanseu dorsal e realizar a entrega de camisetas e mochilas.
A ruta terá un percorrido de oito quilómetros en total con dúas zonas de avituallamento, comezará e rematará na Praza do Novo Mercado, desprazarase por Figueiroa de Abaixo e Figueiroa de Arriba e será de baixa dificultade.
Aquelas persoas interesadas en participar poderanse inscribir ata o día 14 de setembro ás 13.00 horas, a través da páxina web da asociación www.agadea.org. A inscrición terá un prezo de 5 euros para os/as maiores de 12 anos e será gratuíta para os/as menores desta idade. Aqueles que desexen colaborar coa asociación poderano facer tamén a través do “Dorsal 0”.